Comunicado sobre o suceso no partido infantil do día 8 de outubro

Despois dos feitos acontecidos o pasado sábado no pavillón de Carballal, en Vigo, no transcurso do encontro do play-off de categoría infantil entre o Balonmán Chapela e o Mecalia Atlético Guardés, no que unha secuencia de aldraxes á parella arbitral dende a grada remataron nun conato de pelexa que mesmo obrigou a deter o encontro durante uns minutos, o Club Balonmán Atlético Guardés quere manifestar que:

  1. O Club Balonmán Atlético Guardés condena e reproba do xeito máis enérxico posible o suceso en particular e a violencia en tódalas súas formas -verbal e física- en xeral. Este tipo de agresións son inaceptables na nosa sociedade e sempre estaremos en fronte sen ningún tipo de fisuras. Asemade, é imprescindible remarcar a importancia capital que ten o deporte na formación dos cativos e as cativas, polo que neste eido son todavía máis intolerables este tipo de actuacións. 
  2. O Club Balonmán Atlético Guardés quere aclarar que non tivo absolutamente nada que ver co incidente. Ningunha xogadora, adestradora, directivo ou siareiro estivo involucrado no suceso. O ánimo dos e das representantes do noso clube foi en todo momento o de desmarcarse de tan lamentable situación e o de calmar o ambiente na medida do posible.
  3. O Club Balonmán Atlético Guardés quere mostrar o seu máis rotundo apoio a todo o colectivo arbitral en xeral e a parella do citado encontro do sábado en particular, tal como sucedeu no transcurso do mentado suceso, no que o noso corpo técnico estivo pendente en todo momento de asistir e apoiar ás colexiadas e púxose á súa disposición para secundar calquera decisión que tomasen, inda que supuxese a suspensión do encontro.
  4. O Club Balonmán Atlético Guardés quere deixar claro que está a disposición das autoridades federativas para apoiar, colaborar ou tomar calquera medida que sexa necesaria na loita contra esta inaceptable problemática, tanto no noso deporte como na nosa sociedade. Estamos totalmente comprometidos con que o balonmán sexa un espazo lúdico, seguro e inclusivo, no que non caben o machismo, a xenofobia, a homofobia nin ningún tipo de discriminación. E, dende logo, tampouco a violencia verbal nin física. Como entidade, sempre estaremos en fronte e loitaremos para desterrar definitivamente estas actitudes do noso deporte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *