- O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse co xerente do clube, José Manuel Silva, para tratar a cuestión
- O mandatario asegurou que convocará “de xeito inmediato” ó Concello de A Guarda para buscar “unha saída a unha situación inadmisible”
- Lete Lasa: “Esta reforma pon en risco a continuidade do equipo”
O xerente do Mecalia Atlético Guardés, José Manuel Silva, asistiu esta mañá a unha reunión de urxencia co Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. Na xuntanza estivo tamén o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. A Xunta de Galicia, na persoa do seu máximo mandatario no que a deporte se refire, mostrou o seu total apoio ó clube nas súas reivindicacións respecto ó proxecto de reforma do pavillón da Sangriña.
“Máis aló de non ser o óptimo deseño que precisa o Guardés, xa que seguiría sen poder acceder á fase de grupos da Liga Europea, pon en risco a continuidade do equipo xa que supón un custo inasumible ante a falta de alternativa doutro escenario no que xogar os seus partidos”, explicou Lete Lasa ante unha problemática para a que non hai solucións dende o Concello de A Guarda.
Sobre a entidade municipal, o Secretario Xeral para o Deporte asegurou que a convocará de “xeito inmediato” para buscar “unha saída a unha situación inadmisible”. Ademáis, manifestou a súa “profunda preocupación” ante o “futuro incerto” dun equipo que “leva anos facendo historia non só en España, conquistando a Liga en 2017, senón tamén en Europa durante oito anos consecutivos”. Para rematar, Lete Lasa lembrou que “un clube tan grande como o Guardés, precisa un pavillón axeitado á súa magnitude”.